Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colaboracións. Mostrar todas las entradas

27/10/10

Lotería de Navidad

Ya tenemos a la venta la lotería de Navidad. El número que jugamos este año es el 45.831

No quedes sin ella, con la crisis, este año seguro que tocará Contra Vento e Marea
.

26/4/09

O Ciclo de Maio

-
O que en etnografía se chama “ciclo de maio” son unha serie de ritos, cultos e cerimonias moi antigos e de diversa orixe (celtas, gregas, romanas e medievais) que se celebraban por toda Europa en torno ás datas próximas ao primeiro de maio.

Estes cultos e cerimonias tiñan como motivo o celebrar a chegada do bo tempo, así como propiciar boas colleitas e espantar as pragas contra os animais e os maleficios contra a xente.

Pero ¿cales son os ritos que aínda se conservan ou se conservaron ata fai pouco no noso concello? Deixando a un lado os “Maios” que todos coñecemos e nos que somos especialistas todos os da Laxe, no noso barrio ó mesmo que en todo o concello, tamén se facían ou fan as seguintes cousas con motivo da chegada da primavera.

ALUMEA-LO PAN. Consistía en que as familias campesiñas facían unha fogueiriña pequena naquelas leiras onde tiñan plantado o centeo, o trigo ou o millo, ao tempo que recitaban algunha fórmula como esta, para que as espigas creceran ben gordas:
Alumea pan, alumea pan,
pola noite, e pola mañán;
cada espiguiña, o seu toledán.
Válate María, e válate San Xoan

BENDICIÓN DOS CAMPOS
. Antes en todas as casas había unha botella con auga bendita, que se collía na igrexa durante a Semana de Paixón, e tamén un ramo de loureiro ou de oliveira que se levara a bendicir o Domingo de Ramos. Con esta auga e co ramo, a xeito de hisopo, íanse bendicindo todas as leiras da casa para protexelas contra as treboadas e, especialmente, contra os animais daniños, ao tempo que se recitaban cousas como esta:
La bendición yo te doy
en tal día como hoy.
Vaite sapo, vaite rato,
cada ún ó seu burato.
vaite, mala perdición,
que aí vos vai auga bendita
co seu ramo de pasión.
Co poder de Dios
e da Virxe María,
un Padre Nuestro
e un Ave María.
AS CRUCES. Consistían nunha cruz cuberta de fiúncho e flores e que se transportaba agarrándoa coas mans. Levándoa adoitaban ir unha ou dúas persoas que ían polas casas pedindo “unha limosniña para a Santa Cruz”. Saían o día 3 de maio e as últimas que se viron foron en Carril, na década dos sesenta do pasado século.

POSTA DE RAMOS. É a tradición máis estendida dentro deste “ciclo de maio”. Consiste na colocación dun ramallo de xesta na porta da casa, na da corte das vacas, no xugo do carro dos bois e mesmo nos barcos. Modernamente o costume ampliouse e tamén se colocan nos parachoques dos coches e nas motos. Acostúmase poñela o último día de abril, pola noite, ou o primeiro de maio pola mañá cedo. Serve para protexer ás persoas, ao gando e as propiedades contra calquera maleficio, especialmente o mal de ollo.

A FARSA DOS BOIS. Consistía esta tradición en que o día un de maio saía á rúa un grupo de mozos e facían a seguinte escenificación: dous mozos ían axugados (a un xugo do das vacas) e cubertos con pelicas de vaca e outro mozo, cunha aguillada e termando dunha corda, íaos guiando. Os que facían de vacas (ou bois) levaban uns cornos na cabeza e escorneaban á xente e tentaban levantarlle as faldras ás mulleres. O que os guiaba trataba de calmalos e de que seguiran o camiño, pero non había maneira. E así todo o día.

Foi unha mágoa que esta escenificación se perdera, hai xa moitos anos, pois era unha das escasísimas mostras de teatro popular tradicional (fóra do marco relixioso) que quedaban en Galicia.

Carlos Rey Cebral
"Xandrolas"
-

16/3/09

Xa-Comín era gaiteiro


Foi por aí, pola parte entre Baión e Portas que, a mediados do século XIX naceu o Xácome. Adicouse ao que todos naquela época: traballar a terra. Pero de rapazote, cando estaba no monte co gando, como tiña moito tempo de lecer, matinou facer unha frauta de canivera e, como veu que lle daba ben, logo mercou unha gaita de segunda man a un fulano que tocaba na banda de Lantaño.

Co tempo fíxose famoso como gaiteiro, pero como non tiña moita estatura, os veciños, en troques de chamarlle Xácome, chamábanlle O Xacomín. E da aí saíu o dito famoso...

Se lle preguntas a alguén que si vai comer e o fulano xa comeu, contéstache: ¡Xa comín!.

E o autor da pregunta, resposta: ¡Xa-Comín era gaiteiro!.

¡E os dous teñen razón!.

Texto:
Carlos Rey Cebral
"Xandrolas"

Da Revista:
"Os Laxeiros" da asociación sociocultural Contra Vento e Marea

Ilustración:
Cortegada

28/2/09

A Moura da Coca


A Laxe é un barrio vello e de antigas tradicións e, polo mesmo, gardián de moitas lendas. Unha das que temos alí recollidas é a do saco de ouro. Pero deixemos que, nesta ocasión, sexa a miña informante, Áurea, a que nos relate a historia. (A fonte á que se refire é a Coca, situada entre A Laxe e A Florida). E conta Áurea:

Nesa fonte pasaron moitas cousas, había moitas aparicións… Aquel día ía o tío do meu avó á Feira do Vintecinco, alí a Carril. E para chegar temprano saleu cedo da casa. Inda era de noite. E ao chegar á Coca encontrouse encima da fonte a unha chavala rubia, de melena moi larga e que estaba gardando unhas galiñas. A chavala preguntoulle ao tío do meu abuelo, que se chamaba Pablo, que para ónde iba, e el contestoulle que para a feira do Vintecinco. E a chavala díxolle: pois si vas alá, tráeme un tarabelo de carballo, porque estas galiñas sempre están a escapar e, como non teño tarabelo no cortello, non dou conta delas. Pero tráemo escondido, que non lle dea o sol, senón non cho quero. E o fulano díxolle: bueno, ¿E que gano eu con eso?. Pois douche cen pezas de ouro.

E o parente do meu abuelo foise prá feira, pero sin creer en nada. E ao estar no Vintecinco veu a un destes que facían zocos e pideulle un cachiño de madeira, que ben podía servir de tarabelo. E meteuno no bolsillo. E ao chegar á Coca xa de volta, topou coa fulana, que ainda estaba alí cas galiñas. E preguntoulle ela ¿Trouxéchesme o tarabelo? Trouxen. E doullo. E a fulana meteuse nun burato que había na fonte e ao pouco rato saleu cun saco cheo de ouro. E o outro, bueno, o aquel tío, asustado, díxolle ¿É para min? Si, é todo para ti. Pero cunha condición. Que non o mires hasta chegar á túa casa. Bueeeno…o fulano cargou co saco, pasou o río e despois de andar un pouco xa non aguantou máis e abreu o saco para contar canto ouro tiña. Pero cando mirou dentro o único que atopou foron carbóns como aqueles que había na vía do tren. E entón empezou a berrar ¡O meu ouro, o meu ouro! E o meu ouro todo se fixera carbón, por idiota, que si non o mirara eramos agora todos ricos…

E por eso á finca onde lle aconteceu eso, o conto ese, aínda se chama hoxe en día a finca do Ouro, a que está alí frente ao lavadeiro, ao lado da Maroma ¿Non sabes?...

(Publicado con anterioridade na revista "Os Laxeiros" da asociación sociocultural Contra Vento e Marea)

Carlos Rey Cebral
"Xandrolas
"

ir arriba