27/2/09

80 Anos non son nada

¿Qué son 80 anos? ¿son toda unha vida? ¿son moito tempo? ¿son pouco? dende logo todo depende da perspectiva que nos queiramos darlle.

80 anos de historia na Laxe dan dende logo para moito, e aínda que nos non imos facer aquí un resumen dese tempo, si que imos falar dalgúns acontecementos que inevitablemente fannos viaxar no tempo, entre finais dos anos 20 e principios dos 70.

Por aquel entonces a Laxe estaba comezando a vivir e a ser o que é hoxe en día, foron moitas as persoas que dende moi variados puntos da xeografía galega viaxaron e atoparon na Laxe un sitio onde votar raíces, onde levantar a súa casa. Neses anos de crecemento e expansión do noso barrio, tamén abría as súas portas na Laxe a taberna de Teresa Barreiro “Teresa a Grela”. Daquela por suposto na Laxe non había auga da traída, nin alcantarelado, nin luz polos camiños, mesmo tampouco nalgunhas da casas, lembro que cando puxeron as primeiras luces na chamada hoxe rúa Arealonga, había que acendelas cun pao, dando nun machete que había no poste que estaba na prazoleta.

Os camiños que eran de terra e pedras volvíanse intransitables coas moi abundantes choivas do inverno, non había coches, quizais algunhas bicicletas e dúas ou tres motos, baixar a Vilagarcía era unha odisea que se facía máis ben os martes e sábados aproveitando a celebración do mercado. Con todo esto non é de estrañar que na Laxe houbera moitos establecementos de ultramarinos e tabernas. Como contaba ao comezo do relato, Teresa “A Grela” abriu a súa primeira taberna por onde hoxe se atopa o quiosco de Ramona Treviño, anos máis tarde construiría a casa onde trasladou a taberna ata os tempos actuais, pero esa e outra historia, e contarase en outro momento. Antes na Laxe estiveran as tabernas do “Petajo” e do “Falabarato”, e incluso un baile bastante coñecido e famoso polos arredores. Logo viñeron máis tabernas, a de Ramona Reiriz (a taberna da Fabeira), a de Antonio Abalo (a taberna da Picha), a de Manuel García (a taberna do Coxo), a de Ramón Lago e Antonia García (a taberna de Tucha), a de Andelecia Barreiro, a de Juana Abalo, a de Carmen Acha, levo polo menos 10 tabernas moi preto unhas de outras e todas no noso barrio.

Lembro tamén cando Teresa mercou un televisor para a taberna, foi todo un acontecemento, a xente acudía a ver as películas como se dun cine se tratase, lémbrome tamén de ir polas casas das veciñas a chamalas cando comezaba a telenovela, a María, Manuela, Mercedes, Angelita, Pilarita, Pepucha... Sentábanse todas diante da televisión, acompañando a Teresa, e comezaban a falar e a dar gritos agardando que os protagonistas da novela fixeran caso dos seus avisos, pero aínda que eso nunca sucedeu, elas non desesperaban e día tras día seguían dándolle consellos de todo tipo. Dende logo eran outros tempos.

Pilar Davila Ramos “Pilarita”, vivía nunha pequena casa o carón da Sra. Pepucha, que era a muller do Sr. Julio, e estes eran os pais da gran familia Reiriz-Mera (Margarita, Josefa, Julio, Maruxa, Camilo, Serafín, Gonzalo, Secundino e Maricarmen) como vedes, unha gran familia numerosa das moitas que abundaban por aqueles tempos, e da cal eu gardo un gran cariño e respecto pola relación que tiven con moitos dos seus membros dende a miña infancia, aínda lembro como se fose onte como ao Sr. Julio, tornábase coa miña nai no meu incansable, e supoño que esgotador para eles, desexo de aprender a andar en bicicleta, as moitas historias que me ten contado Tito, neto de Sr. Julio, e por suposto a miña amizade cos sempre recordados Fin e Camilo, ou cos fillos de Secundino, cos que coincidín máis xeneracionalmente.

Tamén xunto a casa de Pilarita, había outra casa na que vivía Sra. Angelita, ainda que nesta casa, os habitantes cambiaban de cando en vez e lembramos así a Francisca Costolla (Paquita a Picha), Antonio Mariño, Carmen “A Macanera”, Angelita Fernández, María “A Quintina” e como último habitante Manolo Otero Céa que actualmente reside nun piso de Marín, e aínda que xa ai bastante que non sei nada de el, a última vez que falei con el contoume que estaba moi contento pois compartía piso con dous compañeiros de alí, da zona de Marín.

Para min que solo teño a metade de anos, 80 anos son moito máis que unha vida, son as tristezas e as alegrias, os fracasos e os éxitos, os comezos de novas vidas e novas familias, a vida actual e a lembranza do que deixamos atrás, do que xa vivimos e non podemos nin debemos esquecer.

Agora que as casas de Sr. Julio e Sra. Pepucha, a de Pilarita e a de tódolos que habitaron a outra foron derribadas para dar paso a unha carreteira máis ancha, agora que a última taberna que aínda quedaba na A Laxe, a de Teresa A Grela, a miña avoa, pechou as súas portas deixándonos definitivamente no mundo das modernas cafeterías e dos supermercados, debemos de votar unha mirada atrás e lembrarnos de quen somos, de onde saímos, é que distintos eramos todos non hai tanto tempo. Dende logo 80 anos son moito máis que toda unha vida.

Jaime Ramos Lorenzo
_

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Gracias por participar no Blog de Contra Vento e Marea
Os teus comentarios son imprescindibles para que esta máquina sega a funcionar.

A Xunta Directiva.

ir arriba