4/6/09

A Noite de San Xoán

A noite de San Xoán segue a ser unha das antigas festas pagás con máis arraigo no folclore galego. Celébrase na noite do 24 de xuño, e conta con tódolos ingredientes para ser unha celebración moi popular en terras de Galicia. Ricas lendas, vellas costumes, supersticións e o enfrontamento entre o ben e o mal. Antes de ser cristianizada, esta festa representaba a loita contra os espíritos do mal que actuaban na escuridade na procura dalgunha vítima inocente.

Esta festa pagá, coñecida hoxe en día como noite de San Xoán, representaba a loita entre a luz e a escuridade, por iso, a súa celebración coincide co solsticio de verán. O día 21 de xuño, o sol atinxe o seu maior tempo de esplendor, e a partires de esa data, a luz do día vaise minguando ata chegar ao solsticio de inverno, no día de San Silvestre. A partires desta data, a luz do día comeza de novo a alongar a súa duración, repetindo así o ciclo ano tras ano.

A noite de San Xoan é chamada tamén a noite máxica, pois durante esta curta noite, sucédense toda unha serie de acontecementos, moitos de eles de orixe sobrenatural.

Por tódolos pobos de Galicia acéndense grandes cacharelas, arredor das cales, xúntanse os veciños para cantar, xantar unhas boas sardiñas do xeito, e beber bo viño e a tradicional e inesquecible queimada. Cando as lapas do lume comezan a perder altura, a mocidade comeza a brincar por riba das lapas, co fin de purificar as súas almas. Logo pasábanse os gandos para que recibisen o orballo de San Xoán.

Disque saltando as fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese sabe-lo futuro. As mozas que salten ou 'salven' a fogueira un número impar de veces, sen toca-lo lume, casarán dentro dun ano. Terán que face-la invocación:
"Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can".
"Dios te dou, Dios te criou, Dios che saque esta ollada se alguén cha botou. Antes que o mal sea visto, naceu Cristo. Morra este mal e viva Cristo"
Finalmente a borralla da fogueira tírase cara a un río dicindo: "Demo maldito vaite de aí. Aí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Deus te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño"

E costume na noite de San Xoan, recoller auga de sete fontes distintas, nela, mergúllanse ao relento herbas e plantas recendentes atadas nun feixe (rosas do demo, fento macho, fiúncho, herba Luísa, malva, xesta, romeu, sabugueiro, croque, nogueira, torvisco, e por suposto herba de San Xoán), ao amencer, toda a familia lávase nesta auga curativa e purificadora e gárdanse as herbas que se secan ao sol, para logo usalas como menciñas.

Antigamente tamén había unha tradición para curar aos nenos enfermos, fendendo en dous un carballo e pasando ao neno pola fenda. Interviñan dúas Marías ou unha e un Xoán, dicindo: “Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darasmo san”. Ataban de novo a árbore e se esta soldaba, o neno curábase.

Tamén se di que o tomar nove ondas no mar, e curativo e incluso que axuda ás mulleres con problemas de fertilidade. Noutras partes de Galicia, é costume chimparse nove veces ao río máis próximo.

As mozas solteiras, botan a clara e a xema dun ovo nun vaso con auga, logo póñeno ao relento toda a noite para poder observar coa saída do sol, as caprichosas formas que adoptou o contido do vaso e con iso, poden adiviñar cal será a profesión do que algún día será o seu amado esposo.
As crenzas tamén falan de que esta é a noite predilecta das bruxas, a noite na que os aquelarres ou conciliábulos celébranse por tódolos currunchos da nosa terra, polo que débese ter moito coidado de non volver solo ou sola para a casa, sobre todo si tes que coller camiños ou congostras escuras e apartadas.

Os mozos e mozas de moitas aldeas de Galicia, aproveitan as sombras para cambiar de sitio ou saca-las cancelas dos seus gonzos, tamén con moito sixilo entran nos cortellos e alpendres e sacan os apeiros de labranza e tódolos enseres que poden, para levalos a outros sitios máis ou menos afastados, incluso os máis osados, atrévense a saca los carros sen que os seus donos se percaten de nada. Atrancan portas para que os moradores non poidan sair doadamente das súas casas e deixan toda aldea volta do revés.

Aínda que algunhas de estas costumes van perdendo forza, sobre todo nas aldeas máis próximas as cidades, lembro de neno que un veciño de A Laxe espertou pola mañá, enriba do carro no que pasara a noite para que non llo levasen da casa, a sorpresa tívoa cando se decatou que o carro xa non estaba no alpendre, se non metido no medio e medio do río.

Tamén ai quen aproveita estas costumes para facer danos, que nada teñen que ver coa festa e celebración da noite de San Xoan e estas feas costumes, son as que pouco a pouco están a rematar co agarimo da celebración.

Algúns dos moitos e variados refráns do San Xoán.
- Mañás de San Xoán unhas corren e outras van.
- Na noite de San Xoán, fai o que todos fan.
- Polo San Xoán, a vella preguntará, cando virá o verán.
- 0 día de San Xoán, ó o día máis longo do verán.
- Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
- Os allos postos no San Xoán, son dentes de can.
- Na noite de San Xoán rapaz, rouba portais si es capaz.
- Na noite de San Xoán, non te deites ata a mañá.
- Sálvame lume de San Xoán, para que non me trabe, nin cadela nin can.
- En San Xoán, as bruxas fuxirán.
- Polo San Xoán, as nove co día darán.
- Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
- No San Xoán, as peras caen ó chan.
- A auga de San Xoán, tolle o viño e non da pan.
- No San Xoán, fouciña na man.
- Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
- Polo San Xoán, a sardiña pinga no pan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Gracias por participar no Blog de Contra Vento e Marea
Os teus comentarios son imprescindibles para que esta máquina sega a funcionar.

A Xunta Directiva.

ir arriba